Burela

Eu  quero contarvos como foron as miñas vacacións en Dakar. Está claro que non vos desexo unhas vacacións así. Non volas desexo, porque vos quero ben. Dakar é un corno de África. Non está en Somalia, onde está o corno do oriente. A terra de Dakar é como unha trompa dun elefante que se mete no Atlántico. Dakar é a capital do Senegal, a medio camiño entre Cabo Verde e as Illas Canarias. Naquela cidade estiven eu 45 días de vacacións obrigadas. Si, escoitastes ben. Un mes de trinta días e aínda quince máis. Diso xa hai tempo. Foi en 2006. Xa case pasaron nove anos. Recordo perfectamente. Eu saín da Ribeira da Barca,na illa de Santiago, en Cabo Verde o día sete de outubro. Foi pola mañá cedo. Serían máis ou menos sobre as oito, porque tiñamos que embarcar ás 12 e deberíamos estar no aeroporto un pouquechiño antes das 11. En Cabo Verde non hai autoestradas. Entón da Ribeira da Barca a Praia, a capital da illa de Santiago, leva dúas horas. A distancia non é grande, mais condúcese lento. Hai que andar con moito ollo. E con moito ollo andou o amigo que nos levou aos tres viaxeiros:; meu tío, miña nai e eu. Eu púxenme un pouco impertinente polo camiño. Cando aínda non chegáramos a Praia, xa collín e xa lle preguntei a mamá:
 --Ma!, cando chegamos a Bulela?
 Aínda non, menina! Falta moito. Hoxe vamos ir no avión só un pouquiño…
 En avión? Eu teño medo.
Non teñas medo. Cando cheguemos, voute levar a un hotel. Xa verás que bonito é.
O caso é que fomos chegando ao noso aeroporto, que se chama Nelson Mandela. Na porta de embarque tratáronnos moi ben. Aquelas mulleres pedíronnos os billetes e recolleron as nosas maletas. Mentres facían o seu traballo, fixáronse en min.
-Ó, que meniña mais linda! Pra onde vas?
 -Eu vou pa Bulela, na Galiza.
 -E con quen vas?
 -Vou coa miña nai.
Dentro do avión, había moitas máis mulleres. Aquilo parecía un matriarcado!! Estas eran noviñas e máis guapas. Unha delas tamén se fixou en min. Colleume a bolsa que levaba na man, tomoume dun brazo e levoume a sentar alá no fondo de todo.
 -Ai, que menina mais linda! Como é que te chamas?
-Eu chámome Silvera.
-E Para onde é que vas?
 -Eu vou para Bulela! Bulela está na Galiza! Alí está o pai á nosa espera.
O pai? Sim, o pai é marinheiro...
Canto falta por chegar?
-Falta un pouquechinho, menina. Hoje ainda nao chegas á Galiza.
Mas nao te preocupes, hoje vas ficar em Dakar. Efectivamente, chegar chegamos a Dakar. Mais eu pasei medo. Moito medo cando o avión comezou a moverse. Moito máis cando se foi levantando e pareceía como se as tripas subisen á garganta. Medo cando me dei conta que voábamos sobre o mar.
 -Ma, olha o mar! Se caemos, afogamos.
-Cala, menina!
Fun calando. Mais non tardou en chegar de novo a angustia. Un home comezou a falar polo altofalante e a xente púxose a mirar polas xanelas. Agora xa non se vía o mar. Víanse moitas casas. Por un lado e por outro. Aquelas casas estaban cada vez máis cerca. Parecía como se fósemos caer encima delas. Botei a chorar. No aeroporto de Dakar, miña nai púxose nerviosa. Tiña medo de que non puxesen problemas polos papeis. Eu escoitaba o que comentaba con outra muller: Teño medo da policia. Espero que non nos poñan problemas. Eu non sei o que dixeron porque falaban en francés, mais portáronse ben. Saímos do aeroporto sen problemas. Un taxi levounoa a aquela pensión tan bonita. E alí coñecín a María José. E alí coñecín o Totó.
 E alí estivemos 45 días. Sempre levantándonos á primeira hora da mañá. E sempre a mesma rutina: primeiro o pequeno-almorzo e despois a visita á embaixada. Diante da embaixada, sempre varias horas de espera para ser atendidas e sempre tíñamos a mesma resposta:
Non hai papeis! Aínda ben que polas tardes Totó levábanos de paseo (ao zoo, ao porto, ao parque...). Mamá falaba coas compañeiras do edificio das mulleres e perdía a paciencia.
Eu non teño máis diñeiro! Somos dúas e non podemos continuar aquí. Isto é unha ruína. Estamos gastando o que non temos. Como vou volver para Cabo Verde coa menina?
 Eu odiaba os paseos por Dakar. Xa odiaba o Totó, a María José e todas aquelas mulleres que nos acompañaban. Mais un día, cando xa pasaran 40, apareceu unha muller milagrosa e falou con miña nai.
-Visite este Sr. e terá os papeis. Así o fixo. Foi falar con non sei quen. No día 44 chegamos á embaixada e, por fin, os papeis estaban. O 22 de novembro despedímonos de María José, de Totó, das mulleres do edificio das mulleres; dos homes do edificio dos homes... e dos nenos.
 Despedímonos e fomos para o aeroporto. E o avión despegou e deixamos Dakar e o Senegal. Bulela estaba á nosa espera.
 Bulela... co Mar ao norte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario